Saturday 27 de April de 2024

A campaña de trampeo para reducir a formación de niños de vespa velutina está a ser máis efectiva que no 2019


Polo momento capturáronse 5.190 raíñas, cando o ano pasado a estas alturas atrapáranse 2.099

A crise sanitaria motivada pola expansión da COVID-19 que estamos a vivir
non fixo que se detivese a campaña de trampeo para loitar contra a vespa
velutina que iniciou o Concello de Camariñas no mes de febreiro. Os datos
obtidos polo momento confirman que está a ser un éxito, con 5.190 raíñas
desta especie invasora capturadas polos operarios municipais encargados
da tarefa.
A cifra de capturas é moito maior que a que se tiña no 2019 a estas alturas,
cando no mes de abril se tiñan atrapadas 2.099 raíñas. Unha diferencia de
3.091 vespas que ten que ver coa previsión, xa que este ano se decidiu
comezar a campaña un mes antes.
A campaña de trampeo do ano pasado rematou no mes de xullo con 9.854
raíñas de vespa velutina atrapadas polo que se agarda que, cando remate a
actual, a cifra sexa moito maior. Desde o Concello de Camariñas lembran
que “o trampeo é esencial xa que elimina a raíña e reduce a formación de
futuros niños”.
As trampas, de índole caseira, consisten nunha mestura de alcoles con
substancias doces, como o vermú, viño blanco, zume de arándanos, e
diversas variedades de alcol branco, como poden ser a xinebra ou o ron. De
momento este tipo de mecanismo está a ter unha grande efectividade.
Estes elementos colócanse nas árbores con flor, onde a velutina se achega
para polinizar as flores. Especialmente nas árbores con camelia, un dos
favoritos do insecto.